Dosier de actividades e diario de aula - DE Tema 11
O tema 11, «A avaliación na aula de linguas estranxeiras», reflexiona sobre o lugar que a avaliación ocupa na docencia e explora os seus tipos e fins e a aplicación de distintas ferramentas en cada caso, como a elaboración de rúbricas para actividades específicas. Con este último aspecto empezamos a primeira sesión.
Rúbrica para a actividade de mediación
A primeira actividade que levamos acabo consistíu en elaborar unha rúbrica para a actividade de mediación que deseñamos para o tema 3 cos mesmos grupos, tendo en conta os criterios que comentamos, entre os que destaca que as cuestións que avaliamos deben ser observables. Esta foi a nosa:
Esta toma de contacto coas rúbricas permitiunos entrar en acción para aplicar as recomendacións de elaboración nunha actividade deseñada por nós mesmas, de modo que as concretamos e as asimilamos.
Na segunda sesión, consideramos as decisións que podemos tomar á hora de avaliar, vimos os tipos de avaliación e desmiuzamos a formativa. A maioría das actividades que intercalamos coa explicación constituíron postas en común cun importante compoñente de reflexión previa. Preséntoas a continuación e fago unha valoración conxunta desta dinámica ao final.
Para a primeira, pensamos primeiro individualmente nas decisións que pode tomar a docente para as que esta se pode servir da información que lle achega a avaliación: as calificacións, os repasos e materiais de reforzo, o ritmo da aula, as temáticas que se tratan, etc.). Con esta reflexión compredemos o importante que é facer unha recollida de datos constante para o progreso do alumnado.
Nunha segunda, comentamos primeiro coas compañeiras próximas a nós as vantaxes e desvantaxes de distintas formas de dar conta de resultados, ou feedback: notas numéricas, comentarios escritos, descriptores de competencia e listas de control, informes de progreso e reunións. Aquí enlazamos con aspectos vistos no tema 3, como a importancia de que o feedback sexa personalizado, parta do coñecemento de cada alumna/o e lle permita ter unha idea clara de como progresa; así como o carácter pouco favorable de proporcionarlle ao alumnado notas numéricas. Sobre estas engadimos que dan cabida a interpretacións persoais por parte do alumnado e das súas familias, ou á idiosincrasia persoal do profesorado (ese tan coñecido "eu non poño deces"), e que poden mesmo estar suxeitas a expectativas culturais diversas.
Para a terceira posta en común, primeiro falamos coas compañeiras próximas para tentar predicir o resultado do experimento de Ruth Butler (1988), no que se observou o progreso da aprendizaxe en tres grupos con distintas decisións de avaliación: o grupo A recibía só notas numéricas, o grupo B recibía comentarios e as notas, e o grupo C só comentarios. Este último demostrou, efectivamente, os mellores resultados, tal e como se revelou para iniciar a posta en común, confirmando as contraindicacións das notas numéricas que viñamos facendo en favor da avaliación formativa que, segundo este estudo recente (1) que atopei, constitúe todo un proceso pedagóxico, favorecedor da aprendizaxe.
Tamén para a cuarta fixemos unha predición, esta vez individual e en forma de "verdadeiro ou falso" sobre o feedback, sobre as respostas a este que atoparíamos no seguinte vídeo de Dylan William.
Despois do visionado, a posta en común demostrou que iamos ben encamiñadas. Algo moi interesante que comentamos é que, como indica William, o bo feedback é aquel que suscita a reflexión por parte da alumna/o dende o primeiro momento, en lugar de detonar primeiro unha reacción emocional (como ocorre, precisamente, cando se lle da unha nota numérica antes de nada, ou cando se empeza o comentario polos aspectos negativos), que provocará que esta perda o fío, desconecte do proceso de aprendizaxe e non asimile a nova información.
Para a quinta e a sexta postas en común, comentamos primeiro coas compañeiras próximas as vantaxes e desvantaxes da autoavaliación e da coavaliación, respectivamente. Unha dificultade principal que lle presenta o emprego destes instrumentos ao alumnado é manter a obxectividade, tanto cando unha se evalúa a si mesma como cando pode alterar os sentimentos das compañeiras ou as relacións con estas. Tamén se puxo sobre a mesa a importancia de que a docente teña en conta as dinámicas relacionais que se establecen no grupo, e de que este estea preparado, antes de introducir unha coavaliación.
En relación coas dúas anteriores, a séptima posta en común xirou entorno ao seguinte vídeo sobre un centro de Nova Iork no que a autoavaliación e a coavaliación están patentemente implementadas e moi traballadas. Tras o visionado, reflexionamos xuntas sobre se ensinarlle ao alumnado a empregar estes instrumentos é unha boa inversión de tempo, e sobre os casos nos que si o sería porque melloraría realmente os resultados de aprendizaxe. Neste enlace (2) podedes ler máis sobre estes dous tipos de avaliación, así como sobre a heteroavaliación.
Para a oitava posta en común, organizámonos en parellas ou en grupos para facer un ranking das seguintes vantaxes da avaliación formativa e engadir unha máis.
Nós centrámonos nas vantaxes que teñen que ver con coñecer ao alumnado, o seu progreso e as súas necesidades para poder adaptar as nosas decisións sobre a marcha, porque consideramos que isto é crucial independentemente do tipo de avaliación que se adopte. A vantaxe que engadimos é que a avaliación formativa pon en valor o esforzo por riba dos resultados, pois esta é unha das claves, como xa sabemos, para manter ao alumnado motivado.
Como xa teño compartido, este tipo de dinámica de reflexión e posta en común é para min unha das más produtivas e esclarecedoras, porque nos ofrece as oportunidades de concretar os contidos teóricos, partillar e ampliar ideas, resolver dúbidas e construír unha concepción clara e pormenorizada da realidade da práctica docente e os desafíos que entraña.
Deseño dunha avaliación formativa
Para consolidar o aprendido, a última actividade consistíu en deseñar unha para a actividade de mediación do tema 3 respondendo ás seguintes preguntas, e compartir as nosas respostas co resto da clase e coa docente, que nos achegou feedback. Velaquí as reflexións do noso grupo.
En definitiva, este tema preparounos para enfrontarnos ao desafío da avaliación. Agora coñecemos os seus tipos, múltiples instrumentos e recomendacións importantes para a súa aplicación en función do contexto, e sabemos que as nosas decisións poden marcar unha diferencia decisiva. Para pechar esta entrada e, oficialmente, o blog, déixovos esta Ted Talk (3) que reflexiona sobre o verdadeiro propósito do sistema educativo. Unha testemuña máis das aprendizaxes deste tema: non é unha cuestión de máis, senón de mellor, e para iso debemos ir moito máis alá dos exames e as notas.
(1) Joya Rodríguez, M. Z. (2020). «La evaluación formativa, una práctica eficaz en el desempeño docente». Revista Scientific, vol. 5, núm. 16, 2020, Mayo-Junio, pp. 179-193. Instituto Internacional de Investigación y Desarrollo Tecnológico Educativo Venezuela. DOI: https://doi.org/10.29394/Scientific.issn.2542-2987.2020.5.16.9.179-193
(2) Quesada, A. (31 de agosto de 2023). Coevaluación, autoevaluación y heteroevaluación. RedEduca.Net. https://www.rededuca.net/blog/oposiciones/coevaluacion-autoevaluacion-heteroevaluacion
(3) TedX Talks (15 de agosto de 2018). ¿Aprobar o aprender? | Lucas Gortazar | TEDxUDeusto. Youtube. https://www.youtube.com/watch?v=d8smMhh8DRU






Ola, Alba! Noraboa, a túa entrada está moi completa e os enlaces que compartes son moi interesantes.
ResponderEliminarComo comentas, a reflexión sobre o feedback de Dylan Wilian foi moi esclarecedora: evitar as reacións emocionais e fomentar a reflexión. As notas (tanto verbais como numéricas) provocan o efecto contraposto, polo que xa sabemos que facer no futuro.
Por outra banda, estou de acordo co que dis sobre o aspecto subxectivo da auto e da coavaliación, sobre todo debido ás idades do noso alumnado. Sabemos que en moitos casos buscan a aprobación dos pares e isto pode por en risco a efectividade da autoavaliación, por iso é vital termos en conta as dinámicas relacionais do grupo e, eu engadiría, plantexar ben os obxectivos, os criterios e a descripción do que deben facer.
Un saúdo,
Karen
Ola, Alba!
ResponderEliminarCreo que a túa entrada non pode ser máis completa. Ademais de expoñer os resultados das nosas aprendizaxes, tamén reflexionaches sobre os distintos tipos de avaliación que abordamos durante as sesións.
Non obstante, gustaríame destacar a mensaxe que pretende transmitir a Ted Talk que nos compartiches. En base á miña experiencia persoal e ao que observo ao meu redor, os alumnos e alumnas atópanse inmersos nun sistema educativo que os insta a memorizar información sen comprender a súa relevancia ou aplicación práctica. Por iso, na miña opinión e en consonancia co que se expón no vídeo, creo que a educación debería estar orientada á aprendizaxe e non a conseguir un resultado final nun exame ou no curso.
Do mesmo xeito, tamén estou de acordo con que a repetición de curso responde, na maioría dos casos, a unha política educativa errónea centrada nesta memorización, que confunde o concepto de aprobar co de aprender. De feito, a pesar de que se están intentando introducir cambios para cambiar o paradigma, a memorización segue a ocupar un lugar importante na avaliación. Basta con darse conta de que ao futuro profesorado do sistema educativo do noso país se lle sigue pedindo que memorice unha morea de temas que, o día do exame, debe recordar e plasmar nunha folla para poder conseguir unha praza.
Moitas grazas polo recurso que compartiches, penso que trata un tema moi interesante.
Un saúdo,
Ariadna.