Dosier de actividades e diario de aula - LE Tema 6

O tema 6, «As programacións didácticas vixentes», abrangueu as particularidades máis importates do acceso á función pública docente para o profesorado da nosa especialidade, as linguas estranxeiras, así como o modo de elaboración e de avaliación das programacións e unidades didácticas que requeridas neste proceso.

Presentación sobre as principais características das oposicións

A primeira parte do tema consistiu, polo tanto, en profundizar nas distintas fases, partes e probas que constitúen o proceso selectivo de concurso-oposición. Detivémonos a analizar como funcionan realmente as oposicións da nosa especialidade en Galicia, para o que empregamos como apoio a presentación de diapositivas «Oposicións: principais características» que está subida en Moovi. A medida que avanzaba a explicación e nós tomabamos algúns apuntes, animábasenos a facer todas as preguntas que precisásemos. O diálogo que se estableceu permitiunos desmentir algúns mitos e aclarar dúbidas que tiñamos sobre este proceso tan temido para tantas e tantos de nós, como que para entrar nas listas non basta con presentarse, senón que é necesario aprobar unha das partes, pero non todas. En xeral, puidemos comprender mellor como son as oposicións a día de hoxe.

    Persoalmente, eu estaba un tanto familiarizada co proceso grazas á información e ás anécdotas —tan entretidas como ilustrativas— que a miña nai me ten transmitido e relatado en moitas ocasións dende a miña infancia, e sobre todo agora dende que decidín matricularme no máster, pero sempre me advirte ela mesma de que os seus datos poden estar xa un pouco desactualizados. Dende que comezamos o máster tamén lle teño preguntado a unha compañeira súa que estivo nos tribunais das oposicións nos últimos anos e a outro compañeiro que pasou polo proceso moi recentemente. Non obstante, a medida que van avanzando as ensinanzas sempre xorden novos interrogantes, e poñelos en común na aula con compañeiras e compañeiros que comparten os mesmos temores sempre é proveitoso. Tamén o é, por suposto, escoitar a perspectiva e a reafirmación dun membro do tribunal de primeira man; gustoume especialmente que ao longo da sesión se nos animara a seguir cara adiante cando esteamos navegando o proceso, a confiar nos nosos coñecementos e habilidades previas a pesar da inseguridade e dos nervios que a miúdo van xurdir.

Elaboración dunha programación e dunha unidade didácticas

A segunda parte constituíu a tarefa do tema que, nesta ocasión, consistiu na elaboración do borrador dunha proposta de programación e de unidades didácticas seguindo o modelo e o formato que se requiren nas oposicións, de xeito que o produto final nos serve como referencia para cando queiramos presentarnos ao proceso selectivo, no caso de que así sexa.

    Para redactar os apartados 1-2 e 4-9 da programación didáctica, primeiro fixemos unha votación mediante Mentimeter para decidir como contextualizala (etapa, curso e materia da nosa especializada) e despois volvemos a utilizar a técnica do rompecabezas: formamos minigrupos e cada un deles encargámonos dun dos apartados. Este primeiro segmento da tarefa levouse acabo na clase. A Zoe Ling Cendón Ferreiro, a Margaret Rivero Acevedo e a min asignóusenos o apartado 6, «Medidas de atención á diversidade». Enlazo nesta captura de pantalla o documento con todas as partes:

    Como xa comentei na entrada do tema 5, esta técnica paréceme unha forma moi activa de involucrar a todo o grupo na asimilación dos contidos, que fomenta a construción cooperativa do coñecemento e o compañeirismo, e pretendo levala comigo á miña futura práctica docente. A ferramenta Mentimeter non a coñecía e tamén me parece moi dinámica, é rápida e eficaz e rompe co esperable, que é unha votación a man alzada, de modo que me parece moi bo recurso para atraer a atención do alumnado e xa está engadida á carpeta de marcadores «Ferramentas útiles para a práctica docente» que creei a principio de curso. Valorei de xeito especialmente positivo que se nos facilitase o tempo necesario da sesión para completar este primeiro segmento da tarefa, posto que se aproxima o final do cuadrimestre e a carga de traballo é moi considerable.

    O apartado 3 da programación comprende as UDI, cuxa elaboración constituíu o segundo ssegmento da tarefa e realizouse de xeito individual. Inserto a continuación a miña:


    Por último, outro aspecto que valorei moi positivamente sobre como se organizou a realización desta tarefa, e que neste caso afecta tanto ao primeiro como ao segundo segmento, foi que se nos permitise aproveitar e adaptar os materiais elaborados na materia de Deseño Curricular que cursamos previamente no máster para a redacción do borrador da programación e das UDI. De feito, esta tarefa permitiunos poñer eses materiais previos en perspectiva e revalorizalos para un uso máis real, posto que en ambos casos seguimos os modelos propios deste proceso selectivo e do portal PROENS da Xunta. Este non fora o caso cando os elaboramos na materia anterior, na que o foco estivo situado unicamente en asimilar os conceptos básicos do deseño curricular. Agradécese traballar cunha abordaxe máis concreta e realista para co noso futuro.

Como conclusión, este tema completou e actualizou os nosos coñecementos previos sobre deseño curricular, e fixo posible que nos achegásemos de xeito realista a unha das posibles vías ás que optamos ao rematar o máster. Con esta nova información sobre as oposicións e moitas das cosas dúbidas resoltas, partimos dunha base máis sólida e clara para avanzar e tomar esas futuras decisións.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Dosier de actividades e diario de aula - DE Tema 11

O TPRS, un paso máis alá nas metodoloxías activas - LE Tema 1