O TPRS, un paso máis alá nas metodoloxías activas - LE Tema 1

Na segunda sesión de clase que lle adicamos ao tema 1, «O ensino de linguas no presente modelo educativo, estatal e autonómico», mencionouse brevemente o nome dun método que me chamou a atención: o TPRS, Teaching Proficiency through Reading and Storytelling. Pareceume que sería relevante para os meus intereses, tanto polo vínculo evidente coas linguas e, agora, coa ensinanza, como porque eu mesma me considero toda unha storyteller, así que, que mellor maneira de inaugurar o blog? Púxenme a indagar.

O TPRS é un método de ensinanza de linguas no que o alumnado e a docente abandonan en grande medida os libros de texto e os exercicios e regras gramaticais e colaboran, no seu lugar, para crear con apoios xestuais e visuais unha historia ficticia na lingua meta, a cal contextualiza os elementos léxicos e gramaticais que se pretende que asimile o alumnado e serve de base para realizar actividades de speaking, listening, reading e writing. O método céntrase no desenvolvemento da fluidez na lingua meta, para o cal antepón o contido á forma, a comunicación á perfección. Este enfoque hérdao dos seus precedentes históricos, popularizados a finais do século pasado: o NA, Natural Approach ou enfoque natural, baseado en recrear na adquisición da segunda lingua o modo no que as nenas e nenos adquiren a súa lingua nativa; e o método TPR, Total Physical Response ou método da resposta física, que consiste en asociar a lingua con movementos (como se ve neste vídeo de English Comprehensible Input ESL Beginners) que axudan a asimilala e para crear, así mesmo, un ambiente distendido de aprendizaxe.

Esta definición está elaborada a partir dos artigos académicos que tomei como referencia e que cito ao final da entrada, pero pronto me decatei de que é moito máis fácil entender como funciona o TPRS cando se ve en acción e despraceime á investigación audiovisual. Descubrín con este vídeo de Emuallim que o que se pretende coa creación de historias é proporcionarlle ao alumnado grandes cantidades de comprehensible input. Este concepto, que me recordou un pouco á ZDP de Vigotsky, refírese basicamente á exposición do alumnado á lingua meta nunha medida que este poda comprender, e fundaméntase na crenza de que é necesario ver e oír a lingua en cuestión miles de veces para asimilala. A repetición é, polo tanto, unha característica clave do TPRS, pero preséntase dunha forma tan dinámica e propensa a captar a atención do alumnado que a práctica non parece nada repetitiva.

Funciona do seguinte xeito: elíxense unha serie de vocablos e frases meta que se pretende que o alumnado aprenda, e intégranse nunha historia ficticia que se vai inventando a medida que se narra en común, oralmente. Cada mínimo avance que se fai nesta narración, a docente retrocede para facerlle preguntas ao alumnado sobre o que se acaba de contar. Como punto de partida para a historia, pódense ter en conta os intereses, coñecementos previos e necesidades de aprendizaxe concretos do alumnado, de xeito que se constrúe unha aprendizaxe significativa. A miúdo empréganse apoios visuais, como ilustracións ou fotografías, e/ou se asocian as palabras e frases a xestos mnemotécnicos, en herdanza do TPR.

Un exemplo fantástico do TPRS en acción é este, do canal Bryan's English Club. 

Como se pode ver, o alumnado está altamente involucrado, atende á dinámica e participa de maneira activa nesta, e isto de por si xa é verdadeiramente salientable, pero algo que, na miña opinión, destaca desta clase especialmente é o papel tan activo que adopta tamén o profesor. Noutras metodoloxías activas recentes e vixentes, como a ABP, Aprendizaxe Baseada en Proxectos, ou o modelo de investigación na escola, o rol da docente é o de coordinar e orientar os procesos de ensinanza-aprendizaxe do alumnado e, no caso do segundo, un de investigadora na aula. Este é, sen dúbida algunha, un papel moito máis activo que o que posuía nas metodoloxías tradicionais e maxistrocéntricas, agora en grande medida obsoletas, nas que se limitaba a recitar ou incluso ler a partir do libro de texto os contidos, nunha clase maxistral que o alumnado debía recibir pasivamente.

Sen cuestionar a grande mellora que significaron esas outras metodoloxías activas e xa paidocéntricas con respecto das tradicionais, nin a súa eficacia e relevancia, semella que o papel que adopta a docente no TPRS é incluso aínda máis activo, dun xeito que semella beneficioso, pois acompaña, alenta e mantén o propio papel activo do alumnado. Tamén a isto contribúen a alegría e a creatividade (Vecina Jiménez, 2006), elementos propios do ambiente de aprendizaxe que se xera co TPRS. En calquera caso, a construción común do coñecemento e do proceso e-a, unha das claves do vixente sistema educativo, vese neste exemplo claramente. Como descargo de responsabilidade, debo sinalar que fago esta valoración no contexto específico da ensinanza de linguas estranxeiras, e non no da ensinanza de ningunha outra materia ou saber; e parece importante facer esta puntualización se se ten en conta que o estudo eficaz dunha lingua estranxeira require un método apropiado (Alley e Overfield, 2008). Para os efectos das aulas de linguas estranxeiras, o TPRS parece ter resultado moito máis eficaz que calquera outra metodoloxía, semella ter dado un paso máis e, coa súa dinámica na que tanto alumnado como profesorado adoptan un papel tan marcadamente activo, funciona case como síntese superadora con respecto do anterior.

Así como no seu carácter activo, a aposta pola comunicatividade antes que pola perfección lingüística, xa comentada, aparenta outra característica na que o TPRS é acertado; fundamento a miña opinión no meu traballo previo con este enfoque no ámbito da tradución e a interpretación do que proveño. Ademais, tal e como sinala Hélène Colinet neste vídeo, o TPRS é unha metodoloxía de carácter combinable con outras e versátil, que se pode pór en práctica, ademais de presencialmente, en modalidade online, tanto nunha clase telemática en directo, na que se pode manter a dinámica de interacción constante co alumnado, como «en diferido»: pódense gravar vídeos contando a historia, facendo as preguntas de repetición de xeito retórico e logo resolvéndoas, o que permite crear material de apoio para a clase propia, para o seu aproveitamento por parte doutros centros e docentes ou para estudantes autodidactas. Hai un número considerable deles en Youtube, para distintos niveis e con diversas particularidades, como este moi sinxelo de Chameleon English ou estes de English Flow, para B1 e con apoios xestuais.

En definitiva, o TPRS... one step forward, no steps back? Vós que pensades? Léovos nos comentarios.


Bibliografía

Muzammil, L., & Andy. (2017). Teaching Proficiency through Reading and Storytelling (TPRS) as a Technique to Foster Students’ Speaking Skill. JEELS (Journal of English Education and Linguistics Studies), 4(1), 19–36. https://doi.org/10.30762/jeels.v4i1.329

Alley, D., & Overfield, D. (2008). An analysis of the teaching proficiency through reading and storytelling (TPRS) method. Dimension, 2008, 13-25.

Vecina Jiménez, M. L. (2006). Emociones positivas. Papeles del Psicólogo, 27(1), 9-17.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Dosier de actividades e diario de aula - DE Tema 11

Dosier de actividades e diario de aula - LE Tema 6