Douvos a benvida a este blog, encadrado nas materias de Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional e Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras (Grupo 1), no que irán chovendo ao longo das próximas semanas as ideas que me inspiren os contidos que tratemos na clase. Vémonos!
Máster Universitario en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas. Especialidade: Linguas e Literaturas. Linguas Estranxeiras
Visión xeral da evolución do inglés como lingua franca e do que este representa para a diversidade lingüística - LE Tema 3
Obter ligazón
Facebook
X
Pinterest
Correo electrónico
Outras aplicacións
-
Unha das cuestións que se mencionaron durante a explicación do tema 3, «Os niveis de referencia de aprendizaxe de linguas e o desenvolvemento de competencias», foi a do establecemento do inglés como lingua franca, un asunto sobre o que me gusta especialmente investigar e debater e que estudei en considerable medida cando elaboraba o meu TFG en Tradución e Interpretación.
A día de hoxe, non cabe dúbida de que o inglés se consolidou definitivamente como lingua franca da sociedade actual, globalizada e informatizada. No ámbito académico anglófono, esta acuñouse como ELF, English as a Lingua Franca. Non chama a atención que se dea un fenómeno deste tipo, pois a diversidade lingüística ou multilingüismo, que se pon de relevo de xeito inevitable nunha sociedade destas características, creou sempre un escenario propenso ao desenvolvemento de linguas francas, tal e como recolle Samarin (1962: 660). Todos e todas as estudantes e profesionais das linguas sabemos que, antes do inglés, o francés foi a lingua internacional da diplomacia en Occidente, e aínda o é, para algúns efectos, así que... como e cando chegou o inglés a subxugala? Este vídeo fai un bo resumo da transición histórica e, como alternativa, eu déixovos a continuación unha táboa-resumo en galego para entendelo dun vistazo.
A chegada da globalización converte definitivamentea sociedade nese escenario propenso ás linguas francas do que falabamos, porque a necesidade dunha comunicación que superase as fronteiras do multilingüísmo e a multiculturalidade medra coma nunca antes. Cada vez máis xente de máis partes distintas do mundo poden pórse en contacto entre si, e polo tanto, cada vez máis persoas cuxas linguas nativas non coinciden precisan entenderse (Faber, 2010: 20). O inglés que, como se ve no vídeo e na táboa-resumo, se perpetuaba como lingua internacional tras a II Guerra Mundial grazas á nova gran potencia estadounidense, aséntase definitivamente co paso á nova era da información e a tecnoloxía, e adopta rapidamente o papel de suplir esa necesidade renovada para converterse na ferramenta e transmisión de coñecemento por excelencia.
Non obstante, falar dunha lingua que abarca unha extensión territorial de tan grandes dimensións como o inglés é falar dun concepto moi amplo. Cal de todas as súas variedades se instaura como lingua franca? Por que debería ser unha e non outra? A academia considera que, no seu uso como lingua franca, o inglés queda desprovisto de calquera trazo cultural ou nacional co que as súas novas usuarias se poidan identificar e transfórmase nun código «libre de cultura nativa», native-culture-free (Pölzl, 2003: 5), unha mera ferramenta para chegar a unha audiencia maior e máis internacional. Isto revela a diferencia que existe entre a función de comunicación e a función de identificación cultural que pode cumprir unha lingua (Hüllen, 2003: 298-317). Un sector da investigación fundaméntase nesta diferenciación para afirmar que o ELF non supón unha ameaza para o plurilingüismo en Europa pois, segundo argumenta, existenos distintos países europeos e no seo da Unión Europea unha convivencia relativamente pacífica entre un gran número de linguas nacionais e minoritarias (Faber, 2010: 20). Algunhas autoras defenden que o emprego desta variedade acultural do ELF incluso reforza o uso das linguas nacionais dentro de cada país en contextos intrenacionais como o da Unión (Alcón Soler, 2007: 23-40).
Sexa este o caso ou non, o certo é que a adopción dunha lingua franca é a solución natural á que se recorreu máis habitualmente nas comunidades nas que entraban en contacto máis de tres linguas (Crystal, 1997, 2003: 11), incluso máis que a adopción dun pidgin, un concepto que a maioría de vós xa coñeceredes: unha lingua de gramática simplificada que reúne elementos das distintas linguas de comunidades que comezaban a comerciar entre si. Moitas delas sobreviven a día de hoxe e en moitos casos convertíronse en linguas criollas, que son o resultado de que un pidgin se convirta na lingua materna dunha comunidade de falantes e vólvense, polo tanto, máis complexas a nivel gramatical. Sobre este outro tema atopei unha entrada moi completa e interesante no blog Sociolingüística.
Ao respecto do polémico debate de se unha lingua franca para o mundo enteiro sería beneficiosa ou prexudicial, cabe destacar que este non é moi lonxevo: a discusión xurdiu a partir dos anos 50 do século pasado. Tería que ler moito máis para poder opinar con fundamento e, como vimos, a academia non considera a existencia das linguas francas ningunha ameaza, pero se algo teño claro sobre a miña postura é que a preservación da diversidade lingüística sería sempre, se tivese que decidir, a miña máxima prioridade. E non porque unha lingua franca me deixaría sen traballo de tradutora —parece que esa carreira podería gañala máis ben a Intelixencia Artificial...—, senón pola indubidable, superlativa riqueza que a diversidade lingüística significa para a cultura. E vós que pensades? Léovos. E se a entrada vos resultou demasiado académica, non me rifedes moito... tiña que dárlle bo uso toda a investigación que non chegou a formar parte do TFG!
Bibliografía
Alcón Soler, E. (2007). Linguistic unity and cultural
diversity in Europe: implications for Research on English language and
learning. En E. Alcón-Soler, E. & Safont-Jordà M. P. (eds.), Intercultural
Language Use and Language Learning, Dordrecht: Springer, 23-40.
Crystal, D. (2003). English
as a Global Language. Second Cambridge University Press.
Faber,
P. (2010). English as an Academic Lingua Franca. Revista Alicantina de Estudios
Ingleses 23, 19-32
House, J. (2003): English as a lingua franca: A threat to
multilingualism? Journal of Sociolinguistics 7, 556-579.
Hüllen, Werner (2003): Identifikationssprachen und
Kommunikationssprachen. Zeitschrift fürGermanistische Linguistik, 20/3, 298-317.
Pölzl, Ulrike.
(2003). Signalling cultural identity: the use of L1/Ln in ELF. View[z] –
Vienna English Working Papers 12/2, 3-23.
Samarin, W. J. (1968) Lingua Francas of the World. Readings in the Sociology of Language, edited by Joshua A. Fishman, Berlin, Boston; De Gruyter Mouton, 660-672.
Gustoume moito a túa entrada e non, non me resoultou demasiado académica, tranquila! O vídeo explicativo está moi chulo.
Como ben dis, a maioría de nós coñecemos o cambio do papel de lingua franca dende o latín ao francés ata chegar ao inglés na actualidade. O papel do inglés como lingua global evolucionou moito dende o seu establecemento como tal: na actualidade, a tendencia é recoñecer todos eses global Englishes e rexeitar a búsqueda constante dese «native English», tal e como recolle o MCER.
Comparto a túa opinión no referente á diversidade lingüística. A lingua franca resulta esencial (e moi cómoda) para comunicármonos na sociedade globalizada actual, pero cada cultura e cada pobo comparte, usa e fomenta a súa lingua; sen ir máis lonxe, a LOMLOE promove a competencia plurilingüe e os perfís de dominio das distintas linguas varía moito dunha persoa a outra.
Durante a miña experiencia como docente, sempre lle dixen ao meu alumnado: dáme igual que faledes con acento, o importante é que faledes! E non hai máis que ver entrevistas en inglés de cantantes como Rosalía ou Bad Bunny para ver que non renegan do seu Spanish accent, mais ben ao contrario, úsano con plena confianza. Con esta actitude axudan a normalizalo e isto paréceme marabilloso, xa que son referentes para o noso alumnado e poden exercer un papel importante nesa perda da ansiedade idiomática que sufrimos nas aulas de linguas estranxeiras.
Para rematar, quero propoñer outro debate que daría para moito... Será o español a próxima lingua franca? ;)
Ola, Karen! Moitas grazas polo teu comentario! Dasme que pensar, igual que coas túas entradas. É un pracer que te pases por aquí!
Alégrame que esteamos de acordo con respecto da diversidade lingüística, e tes toda a razón, relacionáchelo moi ben: é un bo sinal que a LOMLOE aposte por ela mediante a competencia plurilingüe!
Encántame o que me contas sobre o teu alumnado, ese é un moi bo exemplo. A idea de que a pronuncia ou o acento "perfectos" son decisivos para a competencia lingüística está totalmente obsoleta. ¡Esa perfección (como case todas as perfeccións) non existe! É moi importante comezar a demostralo e a desmontar esta crenza contraproducente nas aulas, e non se me ocurre meior material de apoio que o que ti comentas. É moi importante esa normalización por parte de figuras públicas da arte e a cultura popular ás que admiran, que lles demostran para que serve a lingua e como exactamente. Isto vai na mesma liña do que comentabamos hoxe na túa entrada do tema 3: menos medo ao erro e máis imperfección = maior confianza e maior aprendizaxe! A loitar contra esa ansiedade lingüística!
Coma sempre, un gusto conversar contigo, moitas grazas por lerme e por escribirme. Ese debate que me propós queda pendente! ;)
O tema 11, « A avaliación na aula de linguas estranxeiras », reflexiona sobre o lugar que a avaliación ocupa na docencia e explora os seus tipos e fins e a aplicación de distintas ferramentas en cada caso, como a elaboración de rúbricas para actividades específicas. Con este último aspecto empezamos a primeira sesión. Rúbrica para a actividade de mediación A primeira actividade que levamos acabo consistíu en elaborar unha rúbrica para a actividade de mediación que deseñamos para o tema 3 cos mesmos grupos, tendo en conta os criterios que comentamos, entre os que destaca que as cuestións que avaliamos deben ser observables. Esta foi a nosa: Esta toma de contacto coas rúbricas permitiunos entrar en acción para aplicar as recomendacións de elaboración nunha actividade deseñada por nós mesmas, de modo que as concretamos e as asimilamos. Na segunda sesión, consideramos as decisións que podemos tomar á hora de avaliar, vimos os tipos de avalia...
Na segunda sesión de clase que lle adicamos ao tema 1, «O ensino de linguas no presente modelo educativo, estatal e autonómico», mencionouse brevemente o nome dun método que me chamou a atención: o TPRS, Teaching Proficiency through Reading and Storytelling. Pareceume que sería relevante para os meus intereses, tanto polo vínculo evidente coas linguas e, agora, coa ensinanza, como porque eu mesma me considero toda unha storyteller, así que, que mellor maneira de inaugurar o blog? Púxenme a indagar. O TPRS é un método de ensinanza de linguas no que o alumnado e a docente abandonan en grande medida os libros de texto e os exercicios e regras gramaticais e colaboran, no seu lugar, para crear con apoios xestuais e visuais unha historia ficticia na lingua meta, a cal contextualiza os elementos léxicos e gramaticais que se pretende que asimile o alumnado e serve de base para realizar actividades de speaking, listening, reading e writing . O método céntrase no desenvolvemento da flu...
O tema 6, «As programacións didácticas vixentes», abrangueu as particularidades máis importates do acceso á función pública docente para o profesorado da nosa especialidade, as linguas estranxeiras, así como o modo de elaboración e de avaliación das programacións e unidades didácticas que requeridas neste proceso. Presentación sobre as principais características das oposicións A primeira parte do tema consistiu, polo tanto, en profundizar nas distintas fases, partes e probas que constitúen o proceso selectivo de concurso-oposición. Detivémonos a analizar como funcionan realmente as oposicións da nosa especialidade en Galicia, para o que empregamos como apoio a presentación de diapositivas «Oposicións: principais características» que está subida en Moovi. A medida que avanzaba a explicación e nós tomabamos algúns apuntes, animábasenos a facer todas as preguntas que precisásemos. O diálogo que se estableceu permitiunos desmentir algúns mitos e aclarar dúbidas que tiñamos sobre este p...
Ola, Alba!
ResponderEliminarGustoume moito a túa entrada e non, non me resoultou demasiado académica, tranquila! O vídeo explicativo está moi chulo.
Como ben dis, a maioría de nós coñecemos o cambio do papel de lingua franca dende o latín ao francés ata chegar ao inglés na actualidade. O papel do inglés como lingua global evolucionou moito dende o seu establecemento como tal: na actualidade, a tendencia é recoñecer todos eses global Englishes e rexeitar a búsqueda constante dese «native English», tal e como recolle o MCER.
Comparto a túa opinión no referente á diversidade lingüística. A lingua franca resulta esencial (e moi cómoda) para comunicármonos na sociedade globalizada actual, pero cada cultura e cada pobo comparte, usa e fomenta a súa lingua; sen ir máis lonxe, a LOMLOE promove a competencia plurilingüe e os perfís de dominio das distintas linguas varía moito dunha persoa a outra.
Durante a miña experiencia como docente, sempre lle dixen ao meu alumnado: dáme igual que faledes con acento, o importante é que faledes! E non hai máis que ver entrevistas en inglés de cantantes como Rosalía ou Bad Bunny para ver que non renegan do seu Spanish accent, mais ben ao contrario, úsano con plena confianza. Con esta actitude axudan a normalizalo e isto paréceme marabilloso, xa que son referentes para o noso alumnado e poden exercer un papel importante nesa perda da ansiedade idiomática que sufrimos nas aulas de linguas estranxeiras.
Para rematar, quero propoñer outro debate que daría para moito... Será o español a próxima lingua franca? ;)
Ola, Karen! Moitas grazas polo teu comentario! Dasme que pensar, igual que coas túas entradas. É un pracer que te pases por aquí!
EliminarAlégrame que esteamos de acordo con respecto da diversidade lingüística, e tes toda a razón, relacionáchelo moi ben: é un bo sinal que a LOMLOE aposte por ela mediante a competencia plurilingüe!