O programa PIALE, onde a educación e a inmersión lingüística converxen - LE Tema 2
Cando desenvolviamos na aula o tema 2, «Marco común europeo de referencia para as linguas. Obxectivos, métodos e prioridades da política lingüística europea», xurdiu o nome dun programa do que nunca oíra falar: o PIALE. Ao longo da nosa traxectoria académica, sobre todo durante a ESO, o Bacharelato e os anos de Grao, mencionáronsenos miles de veces diversos plans deseñados para mellorar o noso nivel de lingua estranxeira mediante a inmersión lingüística, como estudantes primeiro e, despois, con vistas ao noso salto cara o mundo laboral. A moitas de nós incluso se nos ofertaron directamente, e todas coñecemos a alguén que participou nalgún deles ou tivemos esa oportunidade nós mesmas. Non obstante, non foi ata agora, cando estamos case máis preto de ocupar o papel da docente que da maior parte dos nosos anos como estudantes, que coñecín por primeira vez a existencia dun programa que lle ofrece o mesmo tipo de formación ao profesorado. Posto que un dos nosos deberes como docentes será o de constante actualización e formación, paréceme interesante que todas e todos coñezamos as nosas opcións, así que... dentro entrada!
O PIALE ou Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras é, pois, un programa ofertado pola Xunta de Galicia. A última convocatoria, para o curso 2023-2024, publicouse na Orde do 20 de abril de 2023. É concretamente a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a que se encarga deste programa e incluíu esta disposición no DOG Núm. 81 do xoves, 27 de abril de 2023. Para poder contrastar a información recadada e comparar o programa que se está levando a cabo este curso co doutros anos de cara á realización desta entrada, consultei os documentos correspondentes ás 5 últimas convocatorias: 2017-2018, 2018-2019, 2019-2020, 2022-2023 e mais a actual. Nestes últimos cursos, o programa organizouse en 2 ou 3 modalidades ou itinerarios formativos, divididos en varias fases e que comprenderon distintas sumas totais de horas.
O PIALE 2023-2024, en concreto, comprendeu 2 modalidades de 2 fases cada unha. A modalidade 1, «integración», comprendía un total de 125 horas e consistíu nunha inmersión en inglés, francés ou portugués en centros de Canadá, Francia ou Portugal, durante 4 semanas do primeiro trimestre do curso. O profesorado PIALE non tiña obrigas lectivas no centro de destino e estaba acompañado por unha docente da súa área ou materia, ou dunha afín, durante o horario lectivo do centro. Esta era a fase A, que debía sumar un total de 100 horas. A fase B, de 25 horas, consistía na difusión por parte da docente da experiencia que adquiríu durante a inmersión, mediante a elaboración, a partir desta, dunha memoria e dunha proposta didáctica. A modalidade 2, «curso no estranxeiro», comprendía un total de 75 horas e consistíu na realización dun curso de formación de dúas semanas en Reino Unido, Francia, Portugal ou Alemaña durante o mes de xullo de 2023: a fase A, de 50 horas. Na fase B, de 20 horas, o profesorado PIALE debía, de novo, elaborar unha proposta didática a patir da experiencia. Ademais, o programa 2023-2024 definíu 15 actividades, distribuídas entre ambas modalidades —as actividades 1-8 correspondíanse coa modalidade 1, e as actividades 9-15, coa 2—. As distintas actividades estaban dirixidas a distintos tipos de profesorado e cada docente podía presentar unha solicitude para aquelas nas que desexase participar, mediante unha elección por orde de prioridade.
Para aquelas e aqueles que esteades, quizais, interesados en solicitar o programa PIALE nun futuro, é importante destacar que estes datos que expoño sobre a convocatoria deste ano —sobre todo os referidos ao momento do curso no que se realiza, os posibles países de destino, o número e correspondencia das actividades— poden cambiar, igual que cambian a organización en modalidades e fases e as horas de duración, como mencionaba arriba e como puiden comprobar grazas á comparación. Son, por tanto, meramente orientativos, para facernos unha idea de como podería ser, máis ou menos, a experiencia, e haberá que prestar sempre atención ás variacións que presente cada nova convocatoria.
Tamén é importante falar de prazos, respecto dos cales extraín os seguintes datos:
- As convocatorias adoitan a publicarse entre abril e maio.
- O prazo de presentación das solicitudes remata 15 días hábiles despois da publicación da orde de convocatoria.
- As resolucións definitivas de adxudicación de prazas tenden a publicarse entre xuño e xullo.
En 2020-2021, o programa non se puido levar a cabo debido á pandemia, e a convocatoria de 2022-2023 presentou irregularidades motivadas, moi probablemente, pola situación que viñamos de vivir: publicouse en xaneiro en lugar e en abril-maio, houbo un mes completo de prazo para entregar as solicitudes e non se resolveu ata outubro. A última convocatoria volveu xa á normalidade así que, se todo segue igual, os datos que extraín deberían ser relevantes para as dos próximos cursos.
E como está valorando o profesorado galego esta experiencia? De acordo coas testemuñas que atopei, bastante positivamente. Un bo exemplo é esta entrevista realizada por Somos Comarca en 2018 ao docente Manuel Barreiro, do IES Martaguisela d'O Barco de Valdeorras, quen entón xa se embarcara no proxecto 4 veces e afirmaba que sempre foi encantado, sempre aprendeu algo e que tan só a inmersión lingüística xa facía que merecese a pena a viaxe. Podedes atopar outras referencias en Youtube, como estoutra entrevista do mesmo ano á docente Pilar Sánchez, por parte de Televinte Chantada e, máis recentemente e de volta á prensa, este pequeno relato de Isidoro Valerio en La Voz de Galicia sobre as impresións que tivo Lidia G. Vergara, vicedirectora e profesora da EOI —primeiro graduada en Tradución e Interpretación, como moitas de nós—, cando participou no programa.
En fin, agora que descubrín o PIALE, xa non o esquecerei. Non teño dúbida de que na nosa futura práctica docente será unha posibilidade digna de barallar. Vós que credes? Coma sempre, léovos!


Ola Alba!
ResponderEliminarIgual ca ti, eu non tiña tampouco nin idea do programa PIALE. Hai bastantes programas de inmersión lingüística para estudantes, pero creo que non hai moita información respecto a programas para persoas xa formadas, como profesores. Como ti ben sinalas, esta profesión require una actualización constante: os tempos cambian e por conseguinte o estudantado e as súas necesidades tamén. É por eso que este programa me parece moi útil de cara a promover unha "modernización" das metodoloxías docentes e lograr innovar, definitivamente eu tampouco o esquecerei nunca e pode que tamén o vexa como unha posibilidade a aproveitar no futuro.
Saudiños,
Noelia