Dosier de actividades e diario de aula - LE Tema 5

O tema 5, «O deseño curricular base para as linguas estranxeiras», comprendeu o deseño curricular base definido na LOMLOE para as linguas estranxeiras na ESO, no Bacharelato, na FP e nas Ensinanzas de idioma de réxime especial.

Debate piramidal sobre o currículo

A primeira actividade que realizamos tiña como obxectivo repasar os conceptos básicos sobre o currículo, a súa definición e os seus elementos, que coñeciamos grazas á materia previa de Deseño Curricular, e levámola a cabo mediante a técnica do debate piramidal.


    Esta técnica determinou de xeito inherente a organización do traballo: primeiro fixen unha chuvia de ideas coa miña parella, fixemos un borrador común e reelaborámolo ata obter a versión máis exhaustiva posible no tempo delimitado da definición do currículo e a lista de elementos. Esta foi a que puxemos en común a continuación en grupo de 4 con outra parella e, despois de ler a súa proposta, comentamos se debiamos mencionar ou non os elementos na definición e decatámonos de que ambas parellas tiñamos as mesmas dúbidas acerca de varios elementos do currículo que incluiramos nas nosas listas. No grupo de 9 —eramos impares— simplificamos moito a definición, concesión significativa con respecto da nosa versión orixinal en parella, que era de extensión considerable, pero mantíñanse as mesmas dúbidas. Estas aclaráronse por fin durante a corrección, que deu lugar á versión final.

    O debate piramidal deu lugar a unha experiencia de recuperación e construción colectiva da aprendizaxe. Nunca traballara con esta técnica, e penso agora que ten moitas vantaxes: o grupo-aula mobilízase, todo o mundo participa e adopta polo menos unha vez —na primeira fase, por parellas— o papel de portavoz —de si mesma/o, nese caso—; as fortalezas dunhas suplen as debilidades de outras e créase unha aprendizaxe máis rica, con máis matices, alimentada polas distintas percepcións das integrantes; o límite de tempo para responder fomenta a práctica da toma de decisións. Penso que é moi boa opción para empregar, tal e como a utilizamos nós, cando se pretenden recuperar uns coñecementos que o alumnado xa traballara, incluso como parte dunha avaliación diagnóstica, para recapitular e consolidar a base sobre a que se vai seguir construíndo.

Presentación sobre as linguas estranxeiras nos currículos da ESO, do Bacharelato e da FP

    Esta segunda actividade consistíu na elaboración en minigrupos de 3 persoas de presentacións sobre os distintos aspectos dos currículos destas tres ensinanzas e a presenza que neles teñen as materias de linguas estranxeiras. Cada minigrupo encargábase de aspectos distintos, de modo que, ao final de todas as presentacións, o conxunto da clase tiñamos unha idea xeral de todos os contidos centrais do tema. Despois da súa presentación, cada minigrupo facía unha autoavaliación do seu traballo, e o minigrupo grupo que expuxera xusto antes, unha coavaliación, ambas mediante unha rúbrica proporcionada polo docente. Posto que había varios aspectos comúns entre os aspectos asignados ao MG5, ao que eu pertencía xunto con Zoe Ling Cendón Ferreiro e Margaret Rivero Acevedo, e ao MG6, formado por Patricia Alejandro Arias, Fátima Herrera Cruz e Esmeralda Rodríguez León; conviuse co docente que ambos nos coordinásemos para facer a presentación conxuntamente:



    Se ben a falta de familiaridade co currículo da FP supuxo unha certa dificultade á hora de recadar, comprender e sintetizar a información para a presentación, esta permitiunos achegarnos a outro tipo de ensinanza co que nos imos atopar nos centros na nosa práctica docente e que, afortunadamente, parece estar recibindo un bo impulso coa lexislación vixente. Neste respecto, descubrimos a medida que levabamos a cabo a investigación que, máis alá da LOMLOE, as leis que regulan específicamente Sistema de Formación Profesional están cambiando agora mesmo, e aínda que isto tamén complicou a busca, é moi interesante estudar estes cambios a tempo real. Ao fin e ao cabo, o carácter mutable da normativa en materia de Educación é outras das realidades ás que unha se debe enfrontar como docente. Algo que chamou especialmente a miña atención, neste caso non gratamente, foi a cuestión un tanto polémica dos requisitos de nivel de lingua estranxeira cuxo cumprimento se lles esixe ás e os docentes que queren impartir esta materia en FP: en moitos dos casos un B2, noutros un C1 e, só nalgúns, un C2. Tendo en conta que o nivel máximo que debe acadar o alumnado é o Intermedio B1-B2, resulta sorprendente a escasísima, incluso nula distancia que pode haber entre o nivel do alumando e o nivel do profesorado. Tal e como reflexionamos na clase, agardemos que ese carácter mutable da lexislación que antes mencionei logre melloría no que a isto respecta.

    O sistema de autoavaliación e coavaliación mediante rúbrica que empregamos para esta actividade pareceume moi interesante. A dinámica de levalas a cabo na clase, entre presentación e presentación, e poñelas en común co grupo permitiu iniciar un diálogo aberto que flexibilizaba a autocrítica, ás veces dura en exceso, das e dos integrantes dos minigrupos, á vez que lle outorgaba unha voz á audiencia das presentacións quen, como receptora meta destas, podía ofrecer feedback. Isto fomentou a participación activa de ambas partes na sesión e proporcionounos a todas un momento de reflexión sobre o que acababamos de escoitar, así como de asimilación da información. O ambiente era distendido e fixémonos preguntas unhas a outras cando o necesitamos, de maneira que todas contribuímos a que todas comprendésemos o tema. Coñecía por experiencia propia como alumna a autoavaliación, pero nunca traballara coa coavaliación, e terei esta doble dinámica en conta á hora de emprender a miña práctica docente.

Presentación sobre as Ensinanzas de idiomas de réxime especial no currículo da LOMLOE en Galicia

A terceira e última actividade deste tema transportounos a outro currículo co que parte da clase, entre a que eu me atopo, tampouco estaba moi familiarizada: o das Ensinanzas de idiomas de réxime especial, que comprende a Escola Oficial de Idiomas. Os elementos deste currículo repartíronse entre as alumnas do grupo para despois elaborar, cada unha de nós, unha diapositiva que recollese os aspectos máis importantes do que se nos asignou. A presentación final con todas as contribucións pódese atopar enlazada nesta captura de pantalla:


    A diapositiva que a min me correspondía elaborar era a relacionada coa administración das probas de certificación:


    Para esta actividade empregamos, así, a técnica do rompecabezas, pola que cada alumna achega unha «peza de puzzle», a súa contribución, neste caso unha diapositiva, e os contidos que se traballan non se poden comprender completamente ata que, ao unirmos todas esas pezas, alcanzamos a crear o produto final da actividade. De novo unha dinámica que impulsa a participación activa e axuda a crear un clima de colaboración e unha sensación de grupo e compañeirismo dentro da clase, pois a comprensión da materia dunha depende do traballo das outras e viceversa.

En definitiva, con este tema puiden consolidar conceptos que xa comezara a traballar en materias anteriores; achegarme ás ensinanzas da FP e a EOI, que non coñecía, e aos seus currículos; e aprender tres novas técnicas de traballo que promoven a participación activa e a colaboración, dous aspectos que agardo que estean presentes nas miñas aulas cando emprenda a práctica docente.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Dosier de actividades e diario de aula - DE Tema 11

O TPRS, un paso máis alá nas metodoloxías activas - LE Tema 1

Dosier de actividades e diario de aula - LE Tema 6