Pequena presentación do Instituto Camões da Cooperaçao e da Língua - LE Tema 4

Unha das institucións que se mencionaron durante a sesión na que tratamos o tema 4, «O ensino-aprendizaxe e certificación de linguas estranxeiras polas institucións internacionais», foi o Instituto Camões da Cooperaçao e da Língua de Portugal. Decidín redactar a entrada deste tema sobre el porque o portugués é unha das linguas nas que máis interesada estou, unha que souben falar de pequena e que pretendo recuperar nos próximos anos, pensando tamén en gran medida na miña formación como tradutora e intérprete. Coñecía o Instituto Camões de xeito lonxano, pero nunca profundizara nos obxectivos que persegue e de que modo, nin nos servizos que ofrece. E que mellor oportunidade que a última entrada desta parte do blog? Decidín, pois, inspirar a miña investigación nalgúns dos apartados delimitados no esquema que seguimos hoxe na clase, na actividade que realizamos coa técnica de grupo de expertos sobre outras institucións deste campo —ALTE, EALTA, EAQUALS e ETS—, para ofrecervos unha breve presentación do Instituto Camões. Acción!

O Instituto Camões, tamén Camões I. P., fúndase en 1992 e é, como esoutra denominación indica, un instituto público, integrado na administración indirecta do Estado portugués e que dispón de autonomía administrativa e financeira e de patrimonio propio. Así está recollido na súa páxina web, a fonte central desta pequena investigación, a cal, por certo, está dispoñible non só en portugués, senón tamén en español, inglés e chinés. Non obstante, aínda que eu recadei a información na versión de orixe, para practicar, fixen algunha que outra consulta na versión en español e debo dicir que a tradución deixa que desexar, é fácil atopar erros e algúns apartados completos non están traducidos, así que dubido da súa orixe. Just so you know to take it with a grain of salt.

Tal e como delata o seu nome completo, o instituto actúa en dous ámbitos principais: o da cooperación e o da lingua e da cultura portuguesas. A continuación fago un resumo destas actuacións, pero se queredes indagar aínda máis, aquí vos deixo o apartado completo de cooperación, o de aprendizaxe da lingua, o de ensino da lingua e o de cultura, posto que a páxina web esta chea de contidos e pode ser un pouco abrumadora —atención sempre aos menús da esquerda!—.

En liñas xerais, a Cooperación Portuguesa pretende impulsar o desenvolvemento económico, social e cultural e a mellora da calidade de vida nos chamados Países Asociados, que constitúen os Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa (PALOP) e o Timor Oriental, e considérase un eixo principal da política externa nacional do país. Nesta ámbito, o Camões I. P. ten como obxectivos contribuír á súa proposta e aplicación e coordinar as actuacións que outras entidades públicas levan a cabo en materia de cooperación. Non obstante, posto que esa é a nosa especialidade, o resto da entrada xirará máis en torno ás actuacións lingüístico-culturais do instituto.

Neste respecto, o Camões I. P. traballa para garantir a divulgación, a promoción e a ensinanza da lingua e a cultura portuguesas en 81 países*. Faino mediante:

  • Unha rede de lectorados e protocolos de docencia que desenvolve en colaboración con 357 centros de ensinanza superior e outras organizacións.
  • Unha serie de cursos impartidos en educación preescolar e en ensinanza básica e secundaria, para os que se coordina cos diversos Ministerios de Educación estranxeiros, cos axentes locais con responsabilidades educativas e coas diásporas de lingua portuguesa.
  • Unha rede de Centros Culturais Portugueses en 19 países* que acolle e dinamiza eventos artísticos de todo tipo.
  • Unha rede de Centros de Lingua Portuguesa, espazos de apoio loxístico ao ensino, á aprendizaxe, á investigación e á dinamización cultural cos que se pretende establecer programas de apoio á creación de departamentos de portugués en universidades estranxeiras, e que integran bibliotecas, videotecas, acervos musicais e equipamento informático e multimedia.
  • O apoio todos os anos a centos de iniciativas culturais de literatura, arquitectura, artes visuais como a danza, o teatro e o cine, música e patrimonio.
  • A organización de exposicións e o apoio á participación de artistas portuguesas e de países da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) en festivais, conferencias, ferias, ciclos e outros eventos culturais organizados por países estranxeiros na escea internacional.
          *Segundo o seu Informe de Actividades de 2015

 


Con isto, o instituto pretende executar a política de ensino e divulgación da lingua e a cultura portuguesas e asegurar a xestión do ensino do portugués nos niveis básico, secundario e superior no estranxeiro, así como estimular a contratación de docentes locais en colaboración con institucións de ensino superior e organizacións internacionais. En conxunto, como se pode inferir, o Instituto Camões ten un afán lingüístico-cultural de internacionalización.

A maiores de todas estas actuacións, o Camões I. P. ofrece unha cantidade considerable de servizos complementarios, organizados maioritariamente nun apartado de Servizos Online, que inclúe unha plataforma de ensino a distancia, un arquivo dixital e unha biblioteca dixital, entre outros; e un Centro Virtual, que abrangue cursos, recursos didácticos, bases temáticas, exposicións virtuais e o Referencial Camões PLE. Este é un marco de referencia de contidos creado polo instituto a partir das orientacións  do Consello de Europa para facilitarlles ás integrantes da rede Camões e a outras profesionais implicadas no ensino, na aprendizaxe e na avaliación do Português como Língua Estrangeira, o PLE, a concepción e organización de cursos de PLE. O instituto tamén conta con varias publicacións, entre elas Jornal de Letras e Mundo Português, ambas de libre acceso e dispoñibles na súa páxina web.


Como podedes ver, esta institución ten un alcance moi considerable, tanto a nivel xeográfico como en ámbitos de actuación. Antes de despedirme, quero mencionar o Centro Cultural Português do Instituto Camões que temos aquí en Vigo, que é o único  —cultural, non de lingua— de España, aberto en 1998 na Casa Arines, o edificio laico máis antigo da cidade. Este está situado na Praza de Almeida, nomeada en honor ao tenente portugués que axudou a defender a cidade das tropas napoleónicas durante a Reconquista. O Centro conta cunha biblioteca e cun espazo para a realización de cursos de lingua portuguesa, e constitúe un medio de difusión da produción artística portuguesa contemporánea, tamén aberto sempre aos movementos culturais locais.



Penso que merece unha visita, non? Quen se apunta? Léovos!


Créditos das imaxes: Instituto Camões (1) (2, 3, 4), Páxinas Galegas (5)
Capturas de pantalla da páxina web do Instituto Camões

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Dosier de actividades e diario de aula - DE Tema 11

O TPRS, un paso máis alá nas metodoloxías activas - LE Tema 1

Dosier de actividades e diario de aula - LE Tema 6